Esta fin de semana deu por finalizada unha nova campaña da Liga Galega Xuvenil. Os equipos da comarca que a disputan no grupo Norte remataron esta xornada 38 con resultados dispares. O Boiro caeu por 5-3 na súa visita ao Conxo Santiago B, mentres que o Cidade de Ribeira impúxose por un axustado 3-2 ao Bertamiráns.
O Boiro pechou o seu paso por esta tempada 22-23 en postos de promoción de ascenso ao ocupar o segundo lugar ao sumar 95 puntos logo de sumar 30 vitorias, cinco empates e tres derrotas. A última esta fin de semana no campo do Conxo Santiago B. Ningún dos equipos tiña moito en xogo, xa que os boirenses xa tiñan asegurada a súa presenza na loita polo ascenso e o conxo quedaba lonxe de poder loitar polo quinto posto. Os dous equipos saltaron ao verde da Merced para brindarlle á súa afección o derradeiros triunfo da temporada. Empezou mandando o cadro dirixido por Rubén López grazas ao gol de Víctor Molinos no minuto 20. Sen embargo os locais déronlle a volta ao marcador, primeiro empatando no 35 e golpeando dúas veces no 44 e no 45 para chegar ao descanso co 3-1 favorable ao Conxo. O paso por vestiarios revitalizou ao Boiro, que saíu co obxectivo de acurtar distancias, algo que logrou Manuel Quintáns no 49. Os boirenses seguiron xerando ocasións e no 69 Pablo Cameán puxo o empate no electrónico. O Conxo reaccionou e no 75 volvía a coller vantaxe co 4-3, resultado que ampliaron no 90 co definitivo 5-3. Derrota amarga do Boiro, que pecha a súa temporada cun mal sabor de boca. Sen embargo os boirenses están xa a traballar para afrontar a fase de ascenso para loitar por xogar a vindeira campaña na Liga Nacional Xuvenil.
Mentres que o Cidade de Ribeira despídese da campaña cunha vitoria que pode ser insuficiente. Os ribeirenses sumaron tres puntos para rematar a liga décimo quintos ao contar con 46 puntos logo de conseguir 14 vitorias, catro empates e 20 derrotas. E a pesar de ter a permanencia matemática na man dependen dos arrastres dos descensos en Nacional e da División de Honor para coñecer o seu futuro. O conxunto adestrado por Adao Oliveira cumpriu nesta derradeira xornada e fíxose cun gran triunfo contra o Bertamiráns, cuarto clasificado. Os albicelestes saltaron ao campo da Guía sabedores da importancia de sumar de tres para evitar arrastres e comezaron o encontro adiantándose no minuto 2 dende os 11 metros co gol de Daniel Otero. Rapidamente reaccionou o Bertamiráns, que puxo o empate no 5. Outro tanto dende o punto de penalti, transformado de novo por Daniel Otero, adiantaba ao Cidade de Ribeira no minuto 11 e apenas sete despois Álvaro Puente fixo o 3-1, resultado co que se chegou ao descanso. Á volta sobre o verde os ribeirenses xestionaron ben a súa renda, con seriedade na defensa e intentando dominar para facer o cuarto. Aínda así os visitantes atoparon o oco e no 77 subiu o marcador o seu segundo tanto para poñer o definitivo 3-2. Boa vitoria para pechar a temporada do Cidade de Ribeira, aínda que dependerá dos descensos dos equipos doutras categorías superiores para asegurar a súa presenza o vindeiro ano na Liga Galega Xuvenil.