As temporadas oficiais de baloncesto remataron pero a Federación Galega de Baloncesto apostou por estender as competicións coa liga galega sub22. A pasada fin de semana comezou a masculina, unha nova oportunidade para dar continuidade aos xogadores nados entre o 2000 e o 2007. O CB Noia estreouse nesta competición, que naceu hai uns anos da man dos clubs e que agora organiza a FEGABA.
Santiago acolleu o domingo a primeira xornada desta derradeira competición na que o equipo noiés non conseguiu uns resultados positivos. Os amarelos caeron no seu enfrontamento da mañá fronte ao baloncesto Porriño por 62 a 76, e pola tarde fronte ao Bosco Ourense 73 a 85. O Noia perdeu nestes choques a dous xogadores nos primeiros 15 minutos do primeiro encontro por lesión. Anxo Vázquez e Mateo Queiruga sufriron unha escordadura no seu nocello dereito co que os noieses viron minguada a súa rotación ao contar 7 xogadores para o partido da mañá e con 6 para o da tarde.
A segunda xornada da Liga Galega Sub22 masculina terá como anfitrión ao CB Noia. O domingo 28 o Alonso Rodríguez volverá a respirar e a vivir un día intenso de baloncesto na que haberá cinco partidos nos que participarán algún dos equipos galegos máis representativos coma o Santo Domingo de Betanzos, o Nexo Novobasket, o Xuven Cambados e o Estudiantes de Lugo.