A Preferente viviu esta fin de semana partidos de moitas emocións para os equipos do Barbanza. A xornada 28 deixou resultados dispares, comezando coa vitoria por 3-1 do Noia ante o Montañeros para seguir a estela do líder. O Unión fíxose cun valioso triunfo moi sufrido contra o Órdenes, no que se impuxo por un axustado 4-3. E a parte negativa foi para o Boiro, que volveu a tropezar e suma unha nova derrota da súa visita ao Sofán.
O Noia segue de preto ao líder do grupo norte, a Sarriana, xa que ambos conxuntos gañaron polo que sigue ese punto de diferenza entre ambos. Nesta ocasión o cadro dirixido por Iván Carril xogou ante a súa afección e brindoulle unha vitoria folgada ante o Montañeros. Non tardou o Noia en poñerse por diante, xa que no minuto 2 Marcos Piñeiro bateu a portería visitante. Os brancos seguiron xerando ocasións e Piñeiro volveu a perforar a meta do Montañeros para poñer o 2-0.