A Primeira Galega volve esta fin de semana con varios pratos fortes. O Cidade de Ribeira precisa facerse coa vitoria no seu enfrontamento co Lalín para manterse na cabeza da clasificación. O Puebla quere asaltar o oitavo posto, polo que ten que gañar contra o Mazaricos. E a Esteirana busca deixar ben atrás a zona de perigo conseguindo os tres puntos ante o Cordeiro.
O Cidade de Ribeira pinchou na pasada xornada no seu enfrontamento co Cordeiro, polo que tan só conta con dous puntos de vantaxe co segundo, o Negreira. Para manter a súa posición de privilexio precisa gañar e iso pasa por impoñerse esta fin de semana ao Lalín. Agárdase un partido igualado xa que o Lalín é cuarto e está a loitar por acceder á promoción de ascenso logo de apañar un empate a dous contra o Xallas. O cadro dirixido por Manuel Ángel Pena agarda que a Fieiteira volva a ser un fortín e a afección arroupe aos xogadores para volver á senda do triunfo.