Logo de comezar a fase pola permanencia na Primeira División Masculina de Baloncesto con dúas derrotas en dous partidos, o Noia recompúxose para sumar o primeiro triunfo neste tramo clave da temporada. O Berberecho amosou unha boa versión na casa do Santo Domingo de Betanzos B, o que lles serviu para gañar por 64-76.
Os noieses xogaron un partido moi serio, no que se impuxeron nos catro parciais. Ademais contaron co pivote Alfonso Mallo, que firmou os primeiros puntos do encontro. Os amarelos impuxéronse no primeiro cuarto por un axustado 18-20, pero perderon ao aleiro Ángel Gómez por un escordadura de nocello. Mentres que os locais perderon neste primeiro tramo a un dos seus homes fortes, o pivote Luis Portilla por lesión.
No segundo cuarto un inspirado Manu Prates e a defensa levaron ao Noia a coller unha renda de seis puntos ao rematar os segundos 10 minutos de xogo co 29-35 favorable aos visitantes. No terceiro período os xogadores adestrados por Ángel Castro apertaron o acelerador e chegaron a coller 13 puntos de renda, sen embargo os betanceiros acurtaron distancias para rematar este parcial co 48-56 no luminoso.
O Betanzos saíu a remontar o resultado no derradeiro acto, pero os noieses, moi serios en defensa e acertados en ataque, mantiveron as diferenzas ata chegar ao 64-76 final. Unha vitoria balsámica para o berberecho coa que mantén a opción de acadar a permanencia. Esta pasa polo encontro que se vivirá o sábado no Alonso Rodríguez. O Noia medirase ao Nexo Novobasket de Vigo co obxectivo de acadar unha nova vitoria que o manteña vivo na loita por evitar o descenso. Os amarelos contarán coa baixa de Manu Basante, que terá que ser intervido cirurxicamente, e estarán pendentes da evolución de ángel gómez.