O Barbanza será o punto neurálxico do deporte nas vindeiras xornadas. Ademais de acoller as citas deportivas habituais como cada fin de semana, dous dos municipios da contorna foron escollidos para albergar senllas galas do deporte.
A primeira terá lugar mañá venres na casa da Cultura de Boiro. Ás 20.30 horas comezará o acto no que se entregarán os premios ás persoas gañadoras da quinta edición do circuíto de probas populares da Mancomunidade Barbanza Arousa. Os catro concellos foron sede o pasado ano de catro circuítos enmarcados na cita “Catro carreiras, unha meta” e mañá entregaranse os premios das categorías absolutas, sub10, sub12, sub14, sub16, sub 18, sénior, clubs e sapatilla inclusiva aos primeiros clasificados. A gala estará conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera e contará coa intervención da humorista galega Cristina Collazo.
E o luns o auditorio municipal de Ribeira acollerá o luns día 20 a gala dos Premios Deporte Galego. Este ano será unha edición especial e excepcional xa que pola chegada da pandemia abarcará 2019, 2020, 2021 e 2022. Nesta ocasión os premios que recoñecen aos deportistas, clubs e profesionais máis destacados distinguen a 22 premiados nas 18 categorías.
A ribeirense Ana Peleteiro volverá a ser profeta na súa terra, xa que comparte premio á mellor deportista feminina coa piragüista Teresa Portela.