Unha fin de semana máis a Preferente traerá emoción. Hai moitas cousas en xogo nesta vixésimo sétima xornada da competición. O Noia buscará o primeiro posto, para o que terá que vencer ao Fisterra e agardar un novo tropezo da Sarriana. O Boiro quere recuperar o terceiro lugar na táboa polo que deberá impoñerse ao Dubra. E o Unión soña coa permanencia e con facerse con tres puntos vitais na súa visita ao Sofán.
Os noieses afrontan esta xornada coa ilusión e as gañas reforzadas xa que están a tiro de pedra do primeiro posto do grupo Norte da Preferente. O líder, a Sarriana, perdeu a fin de semana pasada, polo que só os separa un punto. Os xogadores de Iván Carril queren gañar no campo do Fisterra para aproveitar un posible pinchado dos lugueses. Os brancos chegan a este choque contra o penúltimo clasificado con boas sensacións logo de gañar por 2-0 ao Ribadeo. No outro lado, os fisterráns tamén sumaron de tres ao impoñerse opr 0-2 ao Pino. Este domingo ás 16.00 horas comezará este duelo de opostos que se desenvolverá no Arasolís.
Pola súa banda, o Boiro quere deixar atrás a súa derrota contra o Unión do pasado domingo para recuperar o terceiro posto. Os boirenses víronse superados polos de Asados na derradeira xornada, a súa terceira derrota nas últimas cinco xornadas, e que pagaron caendo ao cuarto lugar. Agora mediranse ao Dubra co obxectivo de gañar para superar ao Betanzos no caso de que pinche. Será un duelo moi igualado, xa que o Dubra é quinto e tamén apañou unha derrota na anterior xornada, no seu caso ante As Pontes. Barraña volverá a encherse este domingo para animar ao Boiro na prcura dunha nova vitoria. O choque comezará ás 17.00 horas.
E o Unión quere seguir percorrendo a senda do triunfo. Logo do subidón de ilusión vivido a pasada fin de semana, os rianxeiros queren manter esa boa dinámica para loitar ata o final pola permanencia na categoría. Non será unha tarefa doada xa que terán en fronte ao Sofán, oitavo clasificado. Os de Asados impuxéronse na última xornada ao Boiro nun derbi moi igualado, mentres que o Sofán empatou a uns co Mugardos. O Unión desprazarase o domingo ao campo do Carral para facerse con outros tres puntos vitais, xa que están a 10 da permanencia. O esférico comezará a rodar en Carballo ás 17.30 horas.