Os tres equipos da comarca que disputan a Primeira Galega puntuaron na vixésimo primeira xornada da competición. O Cidade de Ribeira é líder en solitario despois de gañar por 4-0 ao Agolada. O Puebla sumou a súa segunda vitoria seguida despois de impoñerse por 2-5 ao Silleda, mentes que a Esteirana non pasou do empate a ceros co Soneira.
O Cidade de Ribeira non quere ter sorpresas e afiánzase como líder indiscutible do grupo costa santiago da categoría. Os ribeirenses volveron a gañar ante a súa afección, que non faltou á cita contra o Agolada. Os pupilos de Manuel Ángel Pena amosaron unha boa versión, sobre todo de cara á porta rival. Os branquiazuis adiantáronse cedo no marcador, apenas se xogaron 4 minutos cando Fernando Pena fixo o primeiro tanto da tarde. No 33 Adao Oliveira firmou o segundo, polo que os locais enfilaron os vestiarios cunha boa renda no marcador. No segundo tempo non cambiou a dinámica, pasaban os minutos e o Cidade de Ribeira converteu o terceiro tanto do encontro, obra de José Pérez no 71. Cando parecía que o marcador non se ía a mover máis, Adao bateu por segunda ocasión a portería do Agolada, facendo o definitivo 4-0 para celebración da afección local. os ribeirenses son líderes en solitario e avantaxan en sete puntos ao segundo, o Negreira.
O Puebla tamén está a vivir un dos seus mellores momentos da temporada. O conxunto adestrado por Xesús Baleato encadea xa dúas vitorias seguidas logo de impoñerse nun partido complicado ao Silleda. Os pobrenses adiantáronse no minuto 45 cun tanto de Diego Bendaña. Xa avanzado o segundo tempo, no minutos 70 o Silleda puxo o 1-1. O Puebla reaccionou e volveu a adiantarse cos tantos de Alejandro Pérez no 73 e de Rafael Picos no 75. Sen embargo os locais recortaron distancias dende os 11 metros no 82, aínda que no 89 Miguel Pérez e Madiop puxeron o definitivo 2-5. Con esta vitoria, o Puebla segue noveno, empatado a 35 puntos co Cordeiro.
E na décima posición permanece a Esteirana, que esta fin de semana disputou o seu encontro no Xosé Luis Vara. A igualdade reinou nos 90 minutos do partido e nin os muradáns nin o Soneira converteron as ocasións das que dispuxeron. Co 0-0 final e o reparto de puntos os de Esteiro teñen xa 24 logo de sumar dúas derrotas, unha vitoria e dous empates nas cinco últimas xornadas.