A décimo novena xornada da Primeira Galega deixou resultados positivos para os equipos da comarca que a disputan. O Cidade de Ribeira impúxose con autoridade ao Tordoia, partido que se levou por 5-1. O Puebla non pasou do empate a uns contra o Flavia mentres que a Esteirana freou a súa racha negativa sumando o primeiro triunfo do 2023.
O Cidade de Ribeira segue unha semana máis ao fronte do grupo Costa/Santiago desta Primeira Galega logo de vencer con contundencia ao Tordoia. Os ribeirenses non se podían permitir un resultado que non fora a vitoria para seguir en cabeza, xa que só ten dous puntos de diferenza co segundo, o Negreira. E o cadro dirixido por Manuel Ángel Pena volveu a gañar. Aínda que tivo que remontar o partido. Os visitantes adiantáronse no marcador no minuto 26, e os ribeirenses reaccionaron para igualar o choque no 38 co gol de Adao Oliveira. Co 1-1 reflectido no marcador chegou o descanso, pero tras a continuación do partido o Cidade de Ribeira colleu o mando. Os locais déronlle a volta ao marcador co gol de Pablo Pérez no 50. No minuto 67 chegou o terceiro para os blanquiazuis e o segundo para Adao Oliveira. Os ribeirenses seguían creando ocasións e chegou o cuarto, que levou de novo a firma de Pablo Pérez. E a goleada rematou co definitivo 5-1 anotado por Adao, que firmou o seu particular hack trick.
O Puebla, que agora mesmo é o noveno clasificado, non puido firmar unha nova vitoria no seu enfrontamento co Flavia. Os dous equipos enfrontábanse polo mesmo obxectivo: o triunfo, que finalmente non foi para ningún. O primeiro en golpear foron os visitantes, que non perdoaron diante da portería pobrense para facer o 0-1 no minuto 38. Logo do descanso o partido non mudou moito, pero o Puebla intentaba bater a meta visitante sen éxito. A afección non deixou de empurrar aos pobrenses, que no 90 conseguiron o gol do empate grazas ao remate de Alexandre Ramos. Tras este empate, o Puebla é noveno con 29 puntos.
E a Esteirana volveu a sumar unha vitoria logo de encadear tres derrotas seguidas. O cadro dirixido por Fernando García amosou a súa fortaleza no Xosé Luis Vara, impoñéndose ao Cruces e deixando os tres puntos na casa. Os muradáns adiantáronse no electrónico no minuto 13 co gol de Manuel Tobío, pero o rival soubo reaccionar e igualou a contenda no 24. Co empate a un chegouse ao descanso, e unha vez no campo a historia non mudou. A igualdade seguía a mandar no verde, a pesar dos intentos locais por rompela. Cando parecía que o empate ía a ser o resultado final, Elías Ruso fixo o segundo para a Esteirana no minuto 90, polo que tras o pitido final o electrónico amosaba o 2-1 final. Con esta vitoria a Esteirana escala postos e agora é undécimo con 22 puntos.