O pavillón da Cachada acolleu este sábado unha nova xornada da Superliga de Voleibol. Sobre a pista o Rotogal Boiro Voleibol e o Barça Voleibol mediron as súas forzas nun choque dominado dende o comezo polos cataláns. Os visitantes non se deixaron sorprender polos boirenses, que foi de menos a máis no partido, pero que non puido facer dano ao combinado azulgrana.
O primeiro set foi case un trámite. O Barça Voleibol amosou unha gran contundencia na recepción e no saque, pola súa banda o Boiro non tivo a súa mellor tarde á hora de recibir. Os de Emilio Palacio sufriron para producir en ataque, todo o contrario que os seus rivais que se anotaron o primeiro punto por un contundente 10-25.
A historia repetiuse no seguinte xogo. Os visitantes seguiron moi inspirados tanto en ataque como en defensa, polo que tomaron a dianteira con facilidade. Os azulgranas escapáronse no marcador, algo que non puido frear o Rotogal, que perdeu o set por un claro 13-25.
Sen embargo o cadro dirixido por Palacio amosou a súa mellor cara no derradeiro acto. Os brancos conseguiron equilibrar o duelo nalgúns aspectos, aínda que no tramo final o Barça Voleibol colleu un pequeno colchón de catro puntos que non soltou ata pechar o partido por 21-25. A parte positiva do encontro foi a volta á pista de Martín Casais, que xogou os seus primeiros minutos da temporada logo da súa lesión.
O Rotogal sigue como pechacancelas da categoría e a vindeira xornada, a 16, visitarán a pista do Río Duero Soria, o segundo clasificado desta Superliga.