A Preferente viviu esta fin de semana unha intensa xornada de fútbol. O Noia mantense unha semana máis ao fronte da clasificación despois de vencer por 4-2 ao Victoria. O Boiro segue terceiro, pero descolgouse da pelexa polos dous primeiros postos ao caer pola mínima no campo do Montañeros. Mentres que o Unión non cortou a súa mala racha e perdeu por 3-0 contra o Betanzos.
O Julio Mato acolleu na tarde de onte o partido no que o Noia e o Victoria mediron as súas forzas. Os locais chegaban coa necesidade de volver a gañar logo dun inicio de ano complicado, e cumpriron o seu obxectivo. O cadro adestrado por Iván Carril impúxose nun encontro que dominou dende os primeiros compases, sen dar moitas opcións os rivais. Os noieses adiantáronse no marcador no minuto 15 co gol de Juan García. Os brancos puxeron terra de por medio antes do descanso, Carlos Lugo firmou o segundo no 34 para coller algo de aire. Tras a continuación do encontro mantívose o resultado, e houbo que agardar ao 74 para ver un novo tanto. Foi o primeiro do Victoria, que apertaba o partido. Sen embargo dous minutos despois Juan Vidal fixo o terceiro para os noieses. Nos derradeiros minutos o Victoria volveu a reducir distancias, pero no 90 Isaac Alcalde puxo o 4-2 definitivo no marcador. O Noia suma así tres importantes puntos que o deixan no liderado a un punto do Sarriana.
E o Boiro non puido continuar a súa dinámica positiva ao verse sorprendido polo Atlético Montañeros. Os boirenses viviron un encontro protagonizado por un fútbol lento, do que os locais souberon sacar moito proveito. O Montañeros abriu o marcador no minuto 17, reforzando o seu poder como local. O Boiro non baixou os brazos e intentaron a igualada por todos os medios, pero o gol non chegou. Na segunda parte o Montañeros meteuse no seu campo a defender o 1-0, e a pesar do bo funcionamento dos cambios realizados por Anxo Casalderrey os seus non puideron ver portería. Con esta derrota o Boiro mantense terceiro na Preferente, aínda que o seu colchón co cuarto é tan só dun punto e a diferenza co segundo, o Sarriana, que avantaxa aos boirenses en cinco puntos.
O Unión tampouco puido puntuar na súa visita ao campo do Betanzos. Os rianxeiros víronse superados polo cadro local nun encontro clave para os de Asados pero que estivo marcado polos seus propios erros. Era unha saída complexa para os de José Luis González e o rumbo do partido confirmouno. Os locais aproveitáronse dun desaxuste na saída do balón dos vermellos para adiantarse no marcador no minuto 32. E volveron a golpear xusto antes do descanso, facendo o segundo no 44. Á volta dos vestiarios o Unión amosou unha mellor versión, pero non puideron definir as ocasións xeradas. E no fío do final, o Betanzos fixo o definitivo 3-0. Con esta nova derrota o Unión segue antepenúltimo na clasificación ao contar con 17 puntos en 19 partidos.