Chega a fin de semana e con ela unha nova xornada da Preferente, concretamente a 19. Os tres equipos da comarca que disputan esta categoría volverán ao campo para loitar pola vitoria para perseguir os seus obxectivos. O Noia xogará na casa ante o Victoria CF, o Boiro visitará o campo do Montañeros, mentres que o Unión fará o propio co Betanzos.
O Noia afrontará este partido contra o Victoria coa necesidade de volver a sumar de tres para seguir liderando a Preferente. O equipo dirixido por Iván Carril comezou o ano con mal pé, empatando e perdendo os primeiros dous partidos do 2023, polo que a súa renda de seis puntos pasou a ser dun co segundo, o Sarrriana. Os brancos contarán co apoio da súa afección logo de perder por un axustado 2-1 no derbi contra o Boiro. Pola súa banda, o Victoria afronta este partido dende a décimo cuarta posición tras perder por 3-4 fronte ao Pino. O domingo agárdase unha tarde intensa de fútbol no Julio Mato, onde o Noia e o Victoria mediranse a partir das 17.00 horas.
O Boiro quere seguir coa súa boa dinámica de resultados para manter o terceiro posto e poder asaltar o segundo. O cadro adestrado por Anxo Casalderrey afrontan esta xornada nun bo estado de forma logo de vencer ao líder en Barraña. Agora intentarán sumar a súa terceira vitoria seguida no seu enfrontamento a domicilio contra o Montañeros. Os locais, que ocupan a sétima posición, veñen de empatar a dous na súa visita ao Fisterra. O duelo entre estes dous equipos que están na parte alta da clasificación terá lugar o domingo ás 16.00 horas no campo da Grela 1.
E o Unión precisa facerse cunha vitoria ou alo menos puntuar para afastarse da zona baixa da táboa. Despois de sumar un empate, unha vitoria e tres derrotas nas derradeiras cinco xornadas, os de Asados ocupan a antepenúltima posición, polo que buscarán afastarse dese lugar da táboa. Para conseguilo deberán impoñerse no seu duelo ante o Betanzos, o sexto clasificado desta Preferente. Os rianxeiros veñen de perder por 0-1 co Sigueiro, mentres que o Betanzos tamén caeu por 1-0 contra o Mugardos. Ambos equipos veranse as caras o domingo ás 16.00 horas no campo García Hermanos de Betanzos.