A Primeira Galega terá esta fin de semana varios pratos fortes. O Cidade de Ribeira, líder da categoría, verase as caras co Tordoia, partido no que buscará volver a sumar de tres. Mesmo obxectivo que persegue o Puebla, que terá en fronte ao Flavia, mentres que a Esteirana precisa eses tres puntos e irá a por eles no seu enfrontamento co Cruces.
O Cidade de Ribeira defende novamente o seu liderado na categoría logo de empatar a uns no seu derradeiro encontro ante o Cruces. Os ribeirenses contan agora con 43 puntos e avantaxan en dous ao Negreira, polo que este domingo sairán a pola vitoria. O rival a bater será o Tordoia, o décimo cuarto clasificado deste Primeira Galega. Os tordoienses chegan a este encontro despois de perder por 0-2 co Cordeiro, polo que buscarán con máis afán se cabe o triunfo. O Cidade de Ribeira e o Tordoia enfrontaranse no anexo da Fieiteira este domingo a partir das 16.30 horas.
O Puebla tamén xogará na súa casa neste encontro contra un rival directo polos primeiros postos: o Flavia. Os pobrenses son novenos na táboa logo de sumar a última vitoria no seu enfrontamento contra o Agolada. En fronte estará o Flavia, sétimo clasificado que avantaxa en tres puntos ao Puebla. Os visitantes non puideron pasar do empate a 3 co Lalín na derradeira xornada. Este sábado a partir das 16.30 no estadio da Alta mediranse estes dous equipos na súa particular loita pola sétima praza.
E a Esteirana quere afastarse da zona baixa da táboa vencendo ao Cruces. Os muradáns encadean dous encontros perdidos, polo que precisan o osíxeno dos puntos para respirar tranquilos na clasificación. Agora son décimo terceiros con 19 puntos, e veranse as caras cun rival directo xa que o Cruces está na décimo quinta posición ao acumular 17 puntos. Este duelo agárdase intenso sobre o verde do Xosé Luis Vara, onde os locais contarán co apoio da súa afección. O balón comezará a rodar o domingo ás 16.30 horas.