Hoxe vivíronse os últimos efectos do temporal que levan afectando a Galicia e á comarca dende comezos da semana. O día estivo marcado polas constantes precipitacións que se rexistraron na meirande parte dos concellos do Barbanza, onde o vento soprou con menos intensidade que nas derradeiras xornadas.
De feito a Axencia Estatal de Meteoroloxía reduciu o nivel de alerta na costa, que hoxe foi amarela por riscos costeiros ao agardarse ventos de ata 61 km/hora no mar e ondas de ata 5 metros.
A AEMET sinala que mañá mellorarán as condicións do tempo, xa que Galicia irá quedando baixo a influencia do anticiclón pero co fluxo húmido do noroeste. Espéranse ceos nubrados con choivas febles, que serán menos probables na comarca do Barbanza e nas rías Baixas.
Rematan así unhas xornadas marcadas polo mal tempo e as incidencias provocadas polo vento e a chuvia que nos últimos días superaron as 1.500 en toda Galicia.