O CF Noia Feminino non está a pasar o seu mellor momento da temporada. O cadro dirixido por Alexandre Martínez vén de sumar un novo tropezo, nesta ocasión contra o Escuela Amistade, unha dura derrota que se une ás últimas catro que arrastraban as noiesas. Esta foi especialmente dura, xa que as brancas comezaron o encontro mandando no marcador e as locais remontaron para deixar os tres puntos na casa.
O Noia visitou o campo do Escuela Amistade coa necesidade de, polo menos, volver a puntuar. Coñecedoras da súa complicada situación, as noiesas saíron a polo partido e amosaron as súas intencións nos primeiros minutos de xogo, onde se adiantaron no marcador. Apenas pasaron 3 minutos do tempo regulamentario cando Noelia Mayo mandou ao fondo da portería rival o esférico, sumando o primeiro tanto do encontro. No 12 foi a quenda de Xiana Lorenzo, que firmou o segundo para as brancas.
Con ese 0-2 favorable chegaron ao descanso, e tras o paso por vestiarios as locais saíron máis enchufadas. Acortaron distancias no 51 dende o punto de penalti e no 52 puxeron as táboas no electrónico. O Escuela Amistade confirmou a súa remontada co terceiro tanto no 66, e puxo a puntilla no 87 co definitivo 4-2. un duro resultado para as de Noia, que encadean cinco derrotas seguidas e caen á décimo terceira posición.
A vindeira fin de semana as noiesas contarán co arroupo do seu público, xa que se medirán ao Bergantiños no anexo do Julio Mato. Será un partido imporante e complicado para o Noia, que se verá as caras contra o cuarto clasificado. O duelo terá lugar o domingo ás 12.00 horas.