Esta fin de semana deixou resultados impares nos dous equipos da comarca que disputan a Liga Galega Xuvenil. O Boiro fíxose forte na casa para vencer a un dos seus perseguidores, o Conxo B. Sen embargo o Cidade de Ribeira non puido traer ningún punto da súa visita ao campo do Bertamiráns.
O campo de Valiño acolleu o primeiro partido do ano para o Boiro. Que fixo valer a súa condición de local para gañar pola mínima a un rival directo polos primeiros postos: o Conxo “B”. O duelo estivo igualado e comezou cos dous equipos medindo as súas forzas e intercambiando ocasións. Os boirenses foron os primeiros en golpear co gol de Adrián González marcou no minuto 34. con esa mínima vantaxe local enfilaron os vestiarios e a segunda parte comezou con intentos frustrados dos dous equipos por perforar a portería rival. Houbo que agardar ata o 90 para volver a ver algún gol. Daniel Nieto fixo o segundo para o Boiro, pero seguidamente os santiagueses firmaron o seu primeiro tanto. Non deu tempo para máis, e o electrónico reflectiu o 2-1 final. O Boiro suma tres novos puntos e segue segundo da liga, tras a estela do Victoria CF que avantaxa aos boirenses nun punto. Este sábado o Boiro volverá a contar co calor da súa afección para medirse ao Bertamiráns, o quinto na táboa. O encontro comezará ás 16.00 horas no campo de Valiño.
A cruz da xornada foi para o Cidade de Ribeira, que trouxo unha derrota da súa visita ao municipal de Bertamiráns. Os ribeirenses querían facerse coa vitoria para seguir afastándose da zona baixa, pero en fronte tiñan a un gran rival que lles complicou o partido. O Bertamiráns colleu a dianteira no minuto 11, aínda que o Cidade de Ribeira reaccionou e empatou no 32 cun gol de Daniel Sobrido. Sen embargo antes do descanso os locais puxéronse de novo por diante, golpeando aos branquiazuis. Na continuación do encontro despois do tempo de lecer o Bertamiráns sentenciou o partido co terceiro tanto no 47. O marcador non se volvería a mover, polo que o equipo adestrado por Adao Oliveira caeu derrotado por 3-1, baixando un posto na clasificación para ocupar o décimo quinto. Este sábado os ribeirenses mediranse ao Residencia a domicilio. Será un enfrontamento cun rival directo, polo que buscarán a vitoria. O esférico comezará a rodar ás 16.30 no campo da Cheda.