O campo de Barraña vivirá este domingo unha cita moi especial. Todos os derbis son especiais, pero o que se xogará esta fin de semana traerá tamén moita emoción. Nel enfrontaranse o Boiro e o Noia, dous dos equipos máis en forma desta Prefente. Ademais do atractivo que ten o partido de por si hai que engadirlle a loita polos primeiros postos da táboa, polo que se agarda unha tarde de fútbol apaixonante.
O Noia encabeza a clasificación con 41 puntos, que ten catro de vantaxe co segundo, o Sarriana, polo que quere manter ou ampliala esta fin de semana. O Boiro ocupa a terceira posición. Conta con 35 puntos e busca recortar diferenzas cos noieses e co Sarriana. Será un encontro duro e importante para os dous equipos, polo que o club boirense busca contar co factor campo. Ademais de xogar en Barraña, a directiva boirense sinalou que este partido será día do club polo que se agarda unha gran asistencia ao estadio.
Por iso o equipo local anunciou que os interesados en conseguir entrada para vivir o partido en primeira persoa poderán mercala nas oficinas do estadio entre as 18 e as 20 horas. O boleto xeral ten un prezo de 10 euros, pero os afeccionados de entre 18 e 22 anos que leven consigo o DNI poderán compralo por 5 euros. O partido celebrarase o domingo día 15 ás 16.30 horas.