O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar as bases dunha nova convocatoria de axudas da Deputación da Coruña para financiar a adquisición de vehículos por parte dos concellos para os desprazamentos do persoal do servizo de axuda no fogar (SAF). O orzamento destinado para esta liña de subvencións é de 100.000 euros e o importe máximo concedido por concello elevarase ata os 20.000 euros.
Os automóbiles adquiridos deberán ser novos ou de quilómetro cero. Esta medida ten como obxectivo realizar un apoio económico ás entidades locais de menos de 20.000 habitantes para a mellora da prestación esencial do SAF.
O presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, destaca que esta nova liña “pretende dar solución a unha das principais demandas que trasladan os pequenos municipios que xestionan directamente os servizos de axuda no fogar: o desprazamento do persoal en distancias que ás veces e sobre todo nos concellos rurais, son de moitos quilómetros e que ata agora viñan asumindo con vehículos particulares”.
As entidades solicitantes deberán estar prestando o SAF con persoal auxiliar propio. Ademais, deberán adscribir o vehículo aos servizos sociais para o seu uso polo persoal no fogar propio, e polo resto de persoal técnico do programa de SAF da modalidade de libre concorrencia durante toda a súa vida útil, que deberá ser un mínimo de 5 anos.
Ademais a administración provincial reforzará neste 2023 os recursos de protección social dos concellos coruñeses cunha achega de 8,3 millóns de euros, o que permitirá financiar 395.000 horas de servizo axuda no fogar e contratar a 181 profesionais do ámbito social nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
© 2019, Canal das Noticias do Barbanza