Conta atrás para volver a desfrutar das emocións da máxima categoría do futsal nacional. O Noia Portus Apostoli volve esta fin de semana ao parqué do Agustín Mourís na procura da primeira alegría do ano. Os noieses mediranse ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad, un enfrontamento cun rival directo pola permanencia.
A xornada 16 preséntase coa urxencia do Noia de sumar unha nova vitoria, polo que precisa contar co arroupo da súa afección. Por iso o club xa abriu a venta de entradas para o encontro que se disputará este sábado ás 19.00 no Agustín Mourís. Hai diferentes prezos en función das idades dos afeccionados. Os que non son socios do Portus Apostoli terán entradas dispoñibles por 20 euros, se teñen entre 14 e 17 anos é de 15 euros e para os non socios menores de 14 anos será de 10. Os socios só teñen que levar consigo o seu carné o día do partido para entrar ao pavillón.
Todos os interesados en vivir en primeira persoa este duelo pola permanencia poden facerse coa súa entrada a través da plataforma online do club, noiafs.acyti.com e achegándose ao local do club situado na rúa Carcasía, 7 ata o venres en horario de 12 a 13 e de 18 a 19.
Os xogadores noieses seguen preparando o seu debut neste 2023 cunha cara nova, a de Douglas Silva, e coas baixas de Joao Batista e de Neguinho. O conxunto dirixido por Marlon Velasco volveu aos adestramentos a semana pasada co obxectivo de amosar a súa mellor versión na particular costa de xaneiro do Portus Apostoli, na que se medirán ao Córdoba por partida dobre, ao Levante e ao Rivera Navarra.