O Noia Portus Apostoli suma unha nova baixa no seu plantel. Nesta ocasión o xogador que abandona a disciplina noiesa é Joao Batista. O veterano ala de 33 anos pon fin así ao seu breve paso polo cadro branco no que apenas puido defender os intereses do club na súa estrea na máxima competición nacional de futsal.
O tamén exxogador do Palma Futsal chegou ao Agustín Mourís este verán en pleno proceso de recuperación dunha lesión, polo que apenas puido disputar catro partidos no Noia Portus Apostoli. Agora o club e o brasileiro acordaron rematar a súa relación contractual polo que Batista volverá ao seu país para dar prioridade á recuperación da súa lesión.
Esta é a segunda saída que se produce no conxunto noiés, xa que se une á baixa de Neguinho. Deste xeito Marlon Velasco contará con dous pezas menos, polo momento, no regreso á competición do Noia. O Portus Apostoli iniciará o ano xogando a fin de semana do 14 de xaneiro ante a súa afección. O Agustín Mourís acollerá o primeiro partido do 2023 no que os noieses se medirán ao Córdoba Patrimonio de la Humanidad no primeiro partido da segunda volta.