O sábado pola mañá os lousamiás tiveron unha cita moi importante. Tivo lugar a andaina Solidaria e Belén de Cumes en Lousame, unha cita solidaria na que participaron máis de 220 persoas. Esta iniciativa, que foi organizada polo Concello de Lousame e na que colaborou a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva, recadou un total de 1.457 euros que foi integramente para a Obra Social de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.
Esta doazón servirá para impulsar a investigación e o desenvolvemento de actividades para os nenos e nenas beneficiarios da Obra Social de Pediatría do CHUS, segundo precisou a concelleira de Servizos Sociais de Lousame, Silvia Agrafijo, quen non faltou á andaina.
O bo tempo fixo acto de presenza, o que animou ás persoas a participar. Veciños chegados de Lousame, Noia, Porto do Son e máis municipios da zona sumáronse á cita solidaria, na que tamén participaron diversos clubs como Trbandainas ou Sachacamiños. Os camiñantes saíron cara a área de lecer de Brandia, onde coñeceron as ruínas da papeleira, e despois seguiron a ruta do río Vilacoba ata Fontán, dende onde se desviaron ata San Xusto de Toxosoutos. Unha vez en Toxosoutos, montaron o tradicional Belén de Cumes, un típico Nacemento con figuras de gran tamaño que cada ano se adoita montar nunha igrexa dunha das parroquias do municipio.
No desenvolvemento da andaina solidaria tamén colaboraron varias empresas, como Atmósfera Rekord Sport, Kairós, Eme Sports, Autos Comparado e Churrería Rafa.