Un total de 7 mulleres están participando estes días no “Curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas”. A través de dúas sesións de adestramento físico e psíquico da Federacion Galega de Loita, as veciñas de Lousame aprenden a como actuar ante situacións de perigo.
Durante a primeira xornada no CPI Cernadas de Castro, o monitor explicou a importancia de actuar de forma rápida e contundente ante as situacións de violencia, incapacitando temporalmente ao agresor. Tamén se explicaron técnicas de bloqueo e golpes, dende o máis sinxelo ata o de película: o movemento para librar o pulso é o tradicional “dar cera, pulir cera” do filme “Karate Kid”.
A próxima sesión será este sábado. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Lousame, en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, a Federación Galega de Loita, a Academia Galega de Seguridade Pública e o Ministerio de Igualdade.