Un total de 12 rapaces de entre 11 e 15 anos de Ribeira poderán viaxar ás estación de Valgrande-Pajares, en Asturias, do 27 ó 30 de xaneiro. A Campaña Neve 2023 promovida pola Deputación da Coruña, proporciona 12 prazas no Concello de Ribeira e 11 no de Boiro.
A Campaña da Neve está dirixida a nenos e nenas da provincia da Coruña de entre 11 e 15 anos, cumpridos a 31 de decembro de 2022. O prezo de participación será de 85 euros e inclúe o transporte de ida e volta, estadía e manutención na estación, clases de esquí, seguros, alugamento de material, remontes mecánicos e todo o gasto de actividades e cursos programados.
O prazo para facer as inscricións remata o próximo 14 de decembro. A información requirida deberá entregarse no Rexistro Xeral dos concellos. Entre os días 15 e 17 deste mes levarase a cabo o sorteo das prazas. Terán prioridade os nenos e nenas que non asistisen antes aos viaxes das campañas de inverno.