Xornada redonda para os equipos do Barbanza que disputan esta temporada a Preferente. O Noia gañou na casa ante As Pontes, mentres que o Boiro remontou en Betanzos para firmar a vitoria e o Unión venceu ao Fisterra.
A Preferente ten novo líder tras a vitoria do Noia e o pinchazo do Betanzos. Os de Iván Carril xogaron no Julio Mato ante As Pontes, un rival que complicou as cousas aos noieses. Os locais tiveron ocasións para abrir o marcador na primeira metade, pero houbo que agardar aos últimos compases para que o primeiro gol subira ao marcador. Foi obra de Juan García, que bateu ao meta visitante cun disparo axustado ao pau. O definitivo 2-0 chegou no 83 e tamén tivo a firma de Juan. O Noia suma tres novos puntos que os colocan líderes igualados a puntos co Sarriana.
O Boiro tivo que ver neste campo de posicións, xa que venceron ao Betanzos na súa casa. Os locais perderon a súa condición de líderes ante un gran Boiro que demostrou que pelexará por estar no alto desta preferente. Sen embargo o Betanzos foi o que comezou mandando cun gol no minuto 3. Os xogadores adestrados por Anxo Casalderrey remaron a contracorrente durante máis dunha hora de partido. No 70 Daniel Ferreiro puxo o empate no encontro e xa no 87 Pedro Beda fixo o segundo para poñerse por diante. O Betanzos buscou o empate, pero no 90 Daniel Ferreiro bateu de novo a portería local para firmar o definitivo 1-3. Tras esta vitoria o Boiro colócase cuarto con 25 puntos.
E o Unión pechou esta xornada de pleno para os equipos da comarca con outro triunfo, o terceiro seguido. Os rianxeiros impuxéronse por 3-0 ao Fisterra, último clasificado. Os de Asados inauguraron o marcador no 24 co tanto de Isma Cerqueiras, gol que certificaba o dominio inicial dos vermellos. Tras o paso polos vestiarios os locais firmaron o segundo gol da tarde tras o tanto de Pablo Rebo que rematou unha gran xogada pola banda. E o terceiro e derradeiro tanto foi para a conta de Daniel Silva, que bateu a meta do Fisterra no 84. Despois dun inicio complicado para o Unión, o equipo colleu confianza e encadea xa catro vitorias, un empate e sete derrotas que os colocan décimo cuartos con 13 puntos.