As pistas de A Alta da Pobra da Caramiñal acolleron este sábado a máis dun cento de marchadoras e marchadores que disputaron o Campionato Xunta de Galicia de Inverno de marcha en pista. O bo ambiente e unha excelente climatoloxía acompañaron aos atletas nesta competición
Os irmáns Antía e Daniel Chamosa da Gimnástica de Pontevedra proclamáronse campións galegos absolutos desta edición cun rexistro de 22 minutos 55 segundos e de 20 minutos 32 segundos sobre a proba dos 5.000 m. Na categoría feminina tamén subiron ao podio Aldara Meilán da Atlética Lucense quen plantou cara á gañadora rematando segunda con 23 minutos 39 segundos e Alba Pérez do Atletismo Negreira, bronce con 26 minutos 11 segundos. En homes dobre podio para o Marineda Atlético da man Juan Manuel Morales, prata con 21 minutos 41 segundos e Ismael Díaz, bronce con 23 minutos 22 segundos.
No resto de categorías os triunfos corresponderon na proba dos 3.000 marcha Sub16 a Noa Abelleira do Lucus Caixa Rural con 15 mimutos 55 segundos. Na categoría Sub14 os títulos autonómicos foron para Alba Morales do Marineda Atlético con 10 minutos 24 segundos e Tomás Bautista do Atletismo Porriño con 10 minutos 25 segundos.
Na categoría Sub12 dobre triunfo na proba dos 2.000 m. para os atletas do Atletismo Narón. Alicia Espina fixo 11 mins 55 seg e Antón Díaz con 11 mins 20 seg. Por último na categoría dos máis pequenos e pequenas, a Sub10, proclamáronse gañadoras Paula Morales do Marineda Atlético e Thiago Ceide da Atlética Lucense.
No resto de categorías másters femininas, Emilia Rodríguez do Trega dominou a categoría W45 e María Soledad Pousa do Ourense Atletismo fixo o propio na W50. Manuel Polo do Atletismo Narón colleitou un novo título autonómico na M45 ao igual que Carlos Morales do Ourense Atletismo na M35 e Manuel Labella do Atletismo Millaraio na M50.
© 2019, Canal das Noticias do Barbanza