A Xunta de Galicia ven de finalizar o proceso de adxudicación da compra do equipamento tecnolóxico e de mobiliario para a nova área de endoscopias do hospital da Barbanza, na área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza. Esta actuación, que conta cun orzamento global de 600.000 euros para equipamento tecnolóxico, mobiliario e obra suporá unha gran avance na atención sanitaria aos doentes do distrito sanitario da Barbanza e máis comodidade para profesionais e usuarios. Á mellora tecnolóxica que supón, engádese o incremento substancial da superficie dedicada á realización de endoscopias dixestivas.
O lote integrado polo Sistema de Endoscopia dixestiva está conformado por unha torre de endoscopia dixestiva e os equipos de reprocesamento consistentes en 2 lavadoras que teñen como fin a desinfección dos endoscopios e tamén conta cun armario de secado e almacenamento esterilizado dos endoscopios unha vez desinfectados na lavadora, ademais de 4 monitores multiparamétricos de última xeración. A adquisición da alta tecnoloxía engádese á compra do mobiliario, xa instalado na unidade.
Esta melloras véñense sumar ás obras acometidas no servizo de urxencias do hospital da Barbanza que supuxeron un incremento dun 40 % da súa superficie grazas a un investimento de 1.7 millóns de euros, entre outras melloras no centro.