O 2 de setembro de 1972 un grupo de amigos entusiastas do deporte da vela reuníronse nos locais do Hotel Moderno do municipio de Ribeira (A Coruña), co fin de crear un Club Náutico. Pouco despois, o 30 de setembro dese mesmo ano, ten lugar a primeira Xunta Directiva da organización, con aparición transcendental na escena da entidade de Ramiro Carregal Rey, primeiro socio, presidente e un mecenas crave no desenvolvemento e crecemento do Club de Riveira ao longo dos anos.
Ao longo destes 50 anos, 10 presidentes dirixiron o destino da sociedade, un longo percorrido de medio século iniciado en 1972 ata os nosos días, con José Luís Torres Colomer na presidencia as dúas últimas lexislaturas.
Datas crave na dilatada historia do club de Riveira foron a do nomeamento de Ramiro Carregal Rey, como Presidente de Honra en 1.999, tras a efectuada en 1975 ao Marqués de Revilla; ou a alta distinción ao propio Carregal como Socio Número 1, en 2017.
A día de hoxe o Club Náutico e Deportivo de Riveira consolidou o seu posicionamento na organización de grandes regatas. Non en balde destaca no calendario oficial da Real Federación Galega de Vela por ser os precursores dos maiores eventos da comarca do Barbanza, como son a convocatoria para a clase Cruceiro de citas tan destacadas como as regatas Frinsa -Trofeo Presidente Ramiro Carregal Rey, Congalsa e Gadis, colaborando tamén co Real Club Náutico Portosín na celebración do Gran Trofeo Faro de Corrubedo, ou en vela lixeira con regatas locais ou clasificatorias da clase Optimist, que promoven a vela infantil.