Xusto no seu 50 aniversario, a Esteirana volveu á Primeira Galicia, unha categoría na que xa estivo fai uns anos. E fíxoo despois dunha gran loita durante a fase de ascenso co Muxía, conxunto co que chegaron empatados a puntos ás últimas xornadas. A Esteirana venceu 4-1 ao Cabana na última xornada, logo de remontar o tanto inicial, o que supuxo o ascenso e o delirio na parroquia de Muros. Este ascenso sabe moito mellor xa que levan varios anos intentándoo. Xusto na tempada do 2020, marchaban primeiros clasificados, e xusto perderon dous días antes de que irrumpira a covid, situándose segundos e sen poder ascender. Así, este ano o ascenso era un obxectivo marcado, e froito diso foi o gran rendemento na primeira fase, na que remataron líderes en solitario con 8 puntos de vantaxe sobre o segundo clasificado, con 48 goles a favor e tan só 9 en contra. Agora, despois deste éxito, o club quere completar a tempada da mellor maneira, revalidando o título da prestixiosa Copa da Costa.
© 2019, Canal das Noticias do Barbanza