A Deputación da Coruña pon ao dispor dos concellos da provincia a oficina Next Deputación, localizada no concello da Capela, para xestionar os proxectos vinculados ás axudas do Plan de Impulso do Goberno de España á rehabilitación de edificios públicos (Pirep).
O presidente do ente provincial, Valentín González Formoso, salientou que a convocatoria destas axudas para rehabilitación de edificios públicos de titularidade municipal do Goberno de España ascenden a 600 millóns de euros e intégranse nun ambicioso Plan Estatal de Vivenda e Rehabilitación, con máis de 1.800 millóns de orzamento para o período 2022-2025.
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, definiu as liñas do Pirep como unha “oportunidade única” para os concellos, aos que animou a presentar solicitudes. A convocatoria articúlase en dúas liñas de axudas. A primeira cun orzamento de 250 millóns de euros para financiar a rehabilitación de inmobles e outra que contará con 350 millóns e permitirán levar a cabo proxectos de renovación. O Concello de Boiro será un dos que concorran a estas subvencións para mellorar dous edificios.