A Policía Local vén de informar de que ás 13.20 de hoxe recibiu unha chamada do 112 informando de que un veciño alertara de que un home de preto de 60 anos deambulaba por Xenxides vestido, entre outras prendas, co pantalón do pixama do veciño Hospital da Barbanza.
Chegada unha patrulla ao citado lugar puideron atopar a esta persoa, de 54 anos de idade, quen explicou aos axentes que se marchara do centro hospitalario sen querer firmar a alta voluntaria porque, sempre segundo a súa versión, lle faltaba un reloxo, un teléfono e as chaves.
Supervisando as anteriores actas policiais da xornada, dase a circunstancia de que se trata do mesmo individuo que foi atopado espido e en mal estado ás 6.20 horas desta madrugada na rúa Rosalía de Castro, razón pola cal se avisara ao 061 para o seu traslado ao Hospital da Barbanza.