A Deputación da Coruña e o Club Financeiro de Santiago presentaron hoxe o Informe de Coxuntura Económica (ICE), que realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia da Coruña, tanto a nivel comarcal como municipal. O documento arroxa os datos económicos das dezaoito comarcas con incidencia: Arzúa, Barbanza, A Barcala, Bergantiños, Betanzos, A Coruña, Eume, Ferrol, Fisterra, Muros, Noia, Ordes, Ortegal, Santiago, O Sar, Melide, Terras de Soneira e Xallas.
En relación ao mercado exterior, as exportacións na Coruña pasaron dos 6.022 millóns de euros en 2010 aos 7.818 millóns de 2020. Isto supón unha taxa de crecemento medio anual do 2,6 %. O maior impacto da crise provocada polo coronavirus sobre as vendas exteriores da provincia fai que o peso das vendas de Galicia baixase.
O groso do comercio exterior da Coruña diríxese cara a países da Unión Europea (57,9 %), destacando Francia (14,6 %), Portugal (11,8 %), Polonia (9,3 %) e Reino Unido (7,8 %).
Doutra banda, en 2020, a poboación parada rexistra un incremento de 8.000 persoas. Así, Galicia acumula un total de 146.700 persoas paradas, das que un 52,6 % son mulleres. Este aumento supón interromper a senda decrecente iniciada en 2010, aínda que as circunstancias excepcionais derivadas da pandemia suxiren que será unha situación pasaxeira.
Por último, o informe tamén arroxa a densidade de poboación da provincia coruñesa é considerablemente superior á media de Galicia, 141,3 hab/km2 fronte aos 91,4 hab/km2. A comarca da Coruña sobresae porque se sitúa en 859 hab/km2. Esta cifra cuadriplica a densidade das seguintes zonas máis habitadas: Barbanza (266), Santiago (248) e Ferrol (244).