O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e alcaldesa de Muros, Inés Monteagudo, visitaron a zona na que se desenvolveron as obras de mellora dos parques infantís e zonas deportivas de Muros. As actuacións centráronse no parque infantil do CEIP de Louro, na zona deportiva da praia de San Francisco-Louro e nos parques infantís da capela de Espírito Santo, de Furón e Valdexería, da praia de Ventín, de Esteiro e Caballeira, e no de Esteiro Chaira.
Trenor sinalou que esta actuación contou cun apoio da Xunta de 28.000 euros e supuxo un investimento total de máis de 40.000 euros. O delegado territorial puntualizou que esta obra permitiu mellorar e adaptar as zonas de xogos e deportivas existentes en distintos puntos das parroquias de Muros, procedendo á retirada de todos aqueles xogos que puideran resultar perigosos e nos cales non era posible a súa reparación por novos elementos de xogos.
Gonzalo Trenor destacou o compromiso da Xunta por manter o apoio que precisan os municipios para levar a cabo actuacións que contribúan a mellorar a calidade dos seus veciños e, sobre todo, a paliar as consecuencias económicas da crise sanitaria da covid-19 dos municipios en canto á prestación de servizos.
Na súa visita ao concello de Muros, o delegado territorial anunciou que o DOG publicou unha no nova convocatoria da Orde de Infraestruturas de uso público destinada aos concellos galegos de menos de 30.000 habitantes para mellorar as infraestruturas na que a Xunta investirá este ano 3,5 millóns de euros.