O Concello de Ribeira
informa da adxudicación con carácter provisional dunha actuación
consistente na pavimentación e instalación de rede de pluviais na rúa
da Cruz en Aguiño.
Na actualidade o pavimento desta vía, que está feito de aglomerado
asfáltico, atópase en mal estado, mentres que a rede de augas
pluviais resulta deficitaria ao producirse con certa frecuencia atascos
e inundacións na calzada.
Para poñer solución a estas eivas, técnicos do concello redactaron un
proxecto que inclúen os seguintes traballos:
– Instalación dunha nova tubaxe de pluviais de 315 milímetros de
diámetro e 368 metros de longo no centro da calzada, con
arquetas sumidoiro (28 en total) nos laterais. Haberá 10 pozos
de rexistro cada 40 metros aproximadamente.
– Pavimentación cunha mestura bituminosa en quente nunha
superficie de 2.146 metros cadrados.
A empresa que obtivo a mellor clasificación entre as 18 ofertas
presentadas foi Tamara Fernández Pérez. O importe da actuación
ascende a 45.780 euros, IVE incluído, financiado no marco do POS+
2018 da Deputación.
O prazo de execución son dous meses.
© 2019, Canal das Noticias do Barbanza