O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy,
amosou hoxe a “preocupación pola incerteza e inconcreción das medidas
anunciadas polo Goberno central”. Demandou explicacións respecto aos
horarios para paseos ou actividade deportiva nos concellos ou núcleos de
poboación de menos de 5.000 habitantes ou sobre o reparto dos fondos
públicos anunciados para as comunidades autónomas. Ademais, considera
que existen “dúbidas sobre a extensión do Estado de Alarma”, xa que
considera que “se está estendendo non xa para atender a emerxencia
sanitaria, senón para o seguimento da recuperación económica”.
En primeiro lugar, Pedro Puy trasladou o pesar e o apoio de todo o Grupo
Parlamentario para as familias dos 569 falecidos con coronavirus en
Galicia, e trasladou ánimo aos máis de 3.000 que a día de hoxe aínda
padecen este virus, dos que máis de 2.700 fano nos seus propios domicilios
SEN CRITERIOS HOMOXÉNEOS
Na súa intervención, Puy puxo de manifesto o “alto nivel de incerteza,
propio dunha pandemia sanitaria, que se vive a nivel nacional, pero
incrementada pola forma coa que se está a xestionar esta crise, con
anuncios que non se concretan ou establecen dúbidas, sen criterios
homoxéneos para todo o territorio”.
En concreto, sinalou que esta incerteza estase a trasladar ao ámbito
sanitario, onde apenas se coñecen os criterios que van permitir a
desescalada. “Seguimos defendendo que o mellor territorio son as áreas
sanitarias e dentro delas outras zonas máis pequenas; pero tamén se está
improvisando coa apertura do comercio, porque non teñen os mecanismos
nin información suficiente sobre o que hai que facer; nin sabemos
exactamente outras cuestións relativas a que sectores económicos
específicos poden realizar actividade”, indicou.
Respecto da declaración do Estado de alarma, o portavoz popular amosou
a “preocupación porque un instrumento correcto para a fase aguda da
pandemia, susceptible de modulación e que permite atender unha crise
sanitaria, se estea estendendo non xa para atender a emerxencia sanitaria
senón que se quere aplicar para o impulso da recuperación económica”.
Neste sentido, considerou “excesiva e desproporcionada” a intervención do
Estado en ámbitos non relacionados co Covid 19, co que cualificou como
“unha invasión competencial evidente nas capacidades das comunidades
autónomas”.
RESPECTO ÁS COMPETENCIAS AUTONÓMICAS
“Non é certo que determinadas actuacións de apoio a traballadores
autónomos e mesmo a sectores económicos dependan da creación do
Estado de Alarma”, explicou. Así, apuntou que o Estado de Alarma “non é
necesario para resolver determinadas cuestións relacionadas co
funcionamento ordinario das institucións, co respecto ás competencias
autonómicas e co respecto ao exercicio dos dereitos e liberdades”.
Por outra banda, Pedro Puy considerou “razoable” a decisión do Goberno
central de permitir a saída regulada por horarios dos cidadáns, “que a
inmensa maioría da xente está a cumprir de maneira exemplar”. Porén,
lamentou que “unha mesma norma se aplica pola mesma autoridade con
criterios distintos en comunidades autónomas con dispersión da poboación
semellante”.
“Non ten sentido que nunha comunidade autónoma se leve a cabo tomando
como referencia os habitantes dos concellos e na comunidade limítrofe se
tome como referencia os residentes nos núcleos de poboación”, sinalou.
Esta situación está a discriminar en Galicia a máis de un millón de persoas
que residen nos núcleos de poboación de menos de 5.000 habitantes pero
que forman parte de concellos con máis de 5.000 habitantes, que “teñen
que circunscribirse aos horarios marcados polo Estado pero que poderían
saír libremente á rúa” se se adoptaran en Galicia os criterios doutras
comunidades limítrofes como Asturias.
Para rematar, Puy tamén amosou a preocupación pola incerteza da
distribución dos fondos públicos anunciados polo Goberno central para as
comunidades autónomas. “Non se sabe cales son os criterios de reparto, e
cada presidente está introducindo no debate variables que lles favorecen”,
sinalou. Así, lembrou que “Feijóo demandou aplicar criterios xerais
existentes na propia Lei orgánica de financiamento das comunidades
autónomas, onde se prevén circunstancias como a dispersión da poboación
ou o custo diferencial da prestación dos servizos públicos”.