De resultas do aprazamento do pago en período voluntario de tributos municipais
acordado durante a semana pasada na Comisión de Seguimento da
Evolución do COVID-19, no día de hoxe se concretaron as
modificacións realizadas a este tenor no calendario contribuínte.
Así, cómpre destacar que o pago das taxas municipais polos servizos
de subministración de auga potable, recollida de lixo e redes de
sumidoiros correspondentes ao cuarto trimestre do 2019, que
inicialmente estaba fixado para entre 15 de febreiro e o 15 de abril de
2020, pasa a ser entre o 15 de febreiro e o 15 de maio.
Por outra parte, o pagamento do Imposto de Vehículos de Tracción
Mecánica, en principio previsto para entre o 15 de marzo e o 15 de
xuño, pasará a ser entre o 15 de marzo e o 15 de xuño.
Media hasta
Outro dos asuntos acordados durante a Comisión de hoxe foi a
colocación a media hasta das bandeiras da Casa Consistorial como
homenaxe e respecto a todas as persoas vítimas da crise sanitaria
provocada polo COVID-19.
Na loita contra este mal, o Concello prosegue co reparto de material
preventivo, desta vez entre a Policía Nacional, Urbaser, Correos e a
Lonxa.
No capítulo de agradecementos, amosouse a gratitude do Concello á
campaña impulsada entre a hostalería e o comercio para dotar de
recursos alimentarios a Cáritas Parroquial. A este respecto, a
administración local colaborará dando instrucións a Protección Civil
para que sexa o seu voluntariado o que acuda á recollida de
alimentos polos establecementos coa fin de evitar así a vulneración
das normas de confinamento e afianzar as medidas de seguridade
establecidas polo Estado. Tamén se agradeceu o labor altruísta de
Grúas Kiko pola doazón de 600 pares de guantes e do Liceo Marítimo
de Ribeira pola posta a disposición das súas instalacións.
Uso do galego
Por outra parte, en sintonía cunha suxestión do BNG, aprobouse
unha disposición para que nas homenaxes pola Policía Local ás
persoas que están de aniversario (menores de idade e maiores de 75
anos, previa chamada ao 981 870 933) se pregunte aos solicitantes
pola súa preferencia en canto ao idioma (galego ou castelán) e, de
resultarlles indiferente, se priorice o uso do galego con “Parabéns
para ti”.
A Policía Local tamén informou de tres denuncias nas últimas 24
horas por infrinxir a obriga de confinamento.