O conselleiro de Economía, Emprego e
Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe unha reunión por videoconferencia con
representantes dos clusters galegos co obxectivo de trasladarlles, de primeira man, as
medidas en materia laboral e empresarial que a Xunta está adoptando con motivo do estado
de alarma decretado polo coronavirus.
Na xuntanza participaron o Cluster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga), a
Asociación Cluster do Naval Galego (Aclusaga), o Cluster da Madeira de Galicia, o Cluster
do Audiovisual Galego, o Cluster de Acuicultura de Galicia, o Cluster do Granito de Galicia, o
Cluster Alimentario de Galicia, o Cluster TIC Galicia, o Cluster Téxtil Galego, o Cluster de
Enerxías Renovables de Galicia, o Cluster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida
(Bioga), o Cluster da Saúde de Galicia, Anfaco-Cecopesca, o Cluster da Pizarra de Galicia, o
Cluster Turismo de Galicia, o Cluster da Función Loxística de Galicia e o Cluster do Produto
Gráfico e do Libro.
No encontro, o conselleiro explicoulles os detalles da nova liña de financiamento aprobada
para inxectar liquidez inmediata a pemes e autónomos. Unha liña á que o Goberno galego
destina preto de 30M€ para permitir a mobilización de 250 millóns de euros en préstamos
que contribuirán a paliar os efectos do coronavirus no tecido empresarial galego. Esta liña de
financiamento cubrirá operacións do dobre dos custos salariais do ano anterior ou o 25 por
cento da cifra de negocio cun máximo de 200.000 euros. Os beneficiarios terán ata catro
anos para amortizar estes préstamos, cun ano de carencia, e a Xunta farase cargo dos
xuros.
Con esta inxección de liquidez, as empresas e o colectivo autónomo poderán atender as
súas necesidades máis inmediatas, os gastos do día a día, como o pago de salarios,
facturas, alugueres ou impostos. O obxectivo da Xunta é que o tecido empresarial galego
poida minimizar os impactos provocados por esta pandemia cos apoios financeiros precisos.
Comunicación da Consellería de Economía, Emprego e Industria
San Caetano, s/n – 15704 Santiago de Compostela
Tel.: 981 545 544/46/65 e 881 995 367 – Fax: 981 544 948
Correo-e: cei.comunicacion@xunta.gal
Conde tamén fixo referencia á posta en marcha do Comité de fabricación de equipamento
sanitario, cuxas dúas iniciativas inmediatas serán a creación dunha plataforma para
coordinar a demanda de equipos de protección e a oferta do tecido empresarial galego así
como a activación dunha liña de axudas ao investimento para facilitar que as empresas
leven a cabo as transformacións necesarias para abordar a fabricación inmediata de material
de protección.
A xuntanza forma parte da rolda de consultas con todos os axentes sociais e económicos
para escoitar as súas demandas, coñecer de primeira man as incertezas que lles está
xerando a situación provocada polo coronavirus e informar das medidas adoptadas.