A partir de mañá e ata o vindeiro día 6 de
abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas de carácter directo dirixidas ás
familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar cuxo servizo xestiona a
Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, mentres estean
suspendidas as clases presenciais.
Deste xeito, a Consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días
lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o
curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo)
ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor
está xestionado pola Consellería.
Presentación de solicitudes
Tal e como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia , a solicitude formal deberá presentarse de
xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (httos://sede.xunta.gal).
Naqueles casos nos que as familias non dispoñan de acceso electrónico, poderán solicitar a
colaboración dos equipos directivos dos centros de ensino onde estean escolarizados os
seus fillos.
Cada familia presentará unha única solicitude na que incluirá a totalidade dos fillos e fillas
(cada un deles debidamente identificado) que sexan comensais gratuítos e semigratuítos de
1 € no comedor escolar xestionado pola Consellería nun centro de ensino público; así como
a información da conta bancaria onde realizar o ingreso da compensación.
Segundo os datos da Consellería, a xaneiro do presente curso, o número de beneficiados
por esta medida son preto de 45.000 alumnos, a razón de 40.480 usuarios con comedor
gratuíto e 3.813 semigratuíto que pagan 1 euro. Así, no caso dos usuarios de comedor
gratuítos a Consellería aboaralles 2,5 euros/día, e no caso dos usuarios semigratuítos
recibirán 1,5 euros/día durante os 14 días lectivos computados durante a vixencia da
declaración da situación de Emerxencia Sanitaria.
Para tal fin a Consellería de Educación vén de habilitar un crédito de 3 millóns de euros, que
é o estipulado para atender os 14 días lectivos que van entre o comezo da suspensión da
actividade lectiva presencial e dos servizos educativos complementarios o pasado 16 de
marzo ata o día 12 de abril; así como unha previsión no caso dunha eventual segunda
prórroga da situación de alarma.