A Deputación da Coruña celebrou esta mañá o acto de entrega da primeira edición dos premios do Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero ao que se presentaron un total de 17 traballos. Os gañadores foron catro alumnos do IES Poeta Añón de Outes co traballo titulado Convidados de pedra. Os autores son Antía Villar, Melissa Lado, Luís Mayo e Alberto Rodríguez, que contaron coa docente Manuela Campos Agrafojo como titora.
O xurado elixiu o traballo gañador por unanimidade e destacou a súa “calidade técnica, a orixinalidade traballando cunha escena dentro doutra e a importancia da mensaxe de concienciación social e impacto, así como da viabilidade de execución”. Ademais, considerou que a historia “encaixaba perfectamente co obxecto do concurso procurando involucrar á sociedade”. Valoraron tamén que para a realización da curta terán que contar con máis persoas.
Como premio, os catro alumnos de Outes poderán realizar un curso práctico de realización de curtas, no que poderán producir o seu guión, onde se recrea unha falsa situación de maltrato para comprobar as reaccións das persoas implicadas.