A Deputación destina 435.845 euros para repavimentar e levar a cabo diferentes tarefas de mantemento na estrada DP-7103, de Laranga a Olveira por Seráns, no concello de Porto do Son.
O proxecto vén de ser aprobado na Comisión de Vías e Obras da Deputación e será ratificado no pleno que se celebrará o vindeiro venres 22 de decembro, xunto con outras oito obras en distintos puntos da provincia que supoñen un investimento total de preto de 3,5 millóns de euros na rede provincial de estradas.
As obras na DP-7103 terán unha duración estimada de catro meses e afectarán ao tramo comprendido entre o inicio da estrada en Laranga, na parroquia de Xuño, e o punto quilométrico 4+600, á altura do lugar de Seráns.
Os traballos consistirán principalmente no estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente de cinco centímetros de espesor, así coma o fresado mediante medios mecánicos e a demolición do pavimento nas interseccións con outros viais.
Nos tramos máis antigos da estrada, tamén se procederá ao estendido e compactado dunha capa de grava de 15 centímetros, co obxectivo de mellorar as condicións do firme. Posteriormente, aplicarase un triplo tratamento asfáltico.
Ademais destes traballos, tamén se levarán a cabo tarefas complementarias para garantir a seguridade e conservación da vía, coma a apertura e limpeza das gabias, a roza das malezas, o acondicionamento das beiravías ou a reposición das marcas viarias.