O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe o compromiso do maior provedor de produtos agrícolas chinés, o Grupo COFCO, de visitar proximamente Galicia para coñecer de primeira man a calidade e excelencia do sector agroalimentario galego, entre os que destacan o vitivinícola, o cárnico, o conserveiro, o lácteo ou o da cervexa.
Feijóo incidiu en que nesta viaxe á Comunidade este grupo, COFCO é unha das empresas agrícolas máis importantes de China, poderá visitar as instalacións das empresas galegas e comprobar as condicións hixiénico-sanitarias, os compromisos de rastrexabilidade, de orixe e de manipulación.
O titular da Xunta iniciou a súa primeira xornada da viaxe a China con varias reunións encamiñadas a explorar novas opcións de negocio neste país para as empresas agroalimentarias galegas.
Así, ademais da xuntanza co grupo COFCO, Feijóo visitou as instalacións do Grupo JD.com; a maior plataforma de venda online de China, que ten máis de 169 millóns de clientes ao día e que ofrece alimentos procedentes de máis de 30 países.
Durante unha reunión con representantes do Grupo JD.com, a delegación galega e a empresa avaliaron a posibilidade de incluír nesta plataforma produtos galegos.
Ante a posibilidade de que China incremente as súas esixencias para a importación de produtos alimentarios, Feijóo valorou que esta é unha boa oportunidade para Galicia, xa que, segundo recordou, a calidade dos produtos galegos que se exportan son dunha calidade alta ou moi alta.