O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ratificou hoxe o compromiso de Galicia coas enerxías renovables e propuxo abordar a pobreza enerxética tamén con políticas comúns para toda a Unión Europea.
O responsable do Executivo autonómico valorou este asunto durante unha reunión de traballo mantida esta tarde co comisario europeo de Acción polo Clima e Enerxía, Miguel Arias Cañete, onde ademais de falar da política enerxética e das propostas que Galicia ten neste eido, profundaron en como afrontar a loita contra o cambio climático e as distintas planificacións que a UE está despregando a este respecto.
No tocante á pobreza enerxética, Feijóo puxo en coñecemento do comisario as axudas que a Comunidade galega está a levar a cabo, subliñando que desde 2014 tense implementado un tícket eléctrico para cofinanciar ás familias máis vulnerables o prezo da enerxía non só eléctrica senón tamén, desde principios de ano, do gas.