Alfonso Rueda, acompañado da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e do director da Fundación Semana Verde, Ricardo Durán, participaron hoxe na inauguración da Feira profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería Abanca Cimag-Gandagro, que representa un dos eventos máis importantes que se están a impulsar dende o recinto feiral da Fundación Semana Verde, como certame paradigmático do medio rural, pero tamén da innovación e da aposta pola profesionalización.
A Fundación Semana Verde consolidase como un referente na celebración de eventos e certames, xa que durante o pasado ano a Fundación tivo un alto nivel de eventos cunha actividade diversificada que vai dende a celebración de oposicións á gravación de series de televisión, pasando por certames de turismo e por albergar parques de ocio infantil e concertos de orquestras galegas, polo que este ano, o Recinto Feiral, segue traballando para consolidar así a celebración de diversos certames e seguir a contar con novos eventos que garantan a súa viabilidade, coa aposta de continuar tamén con certames profesionalizados, innovadores, como son os que leva a cabo de maneira habitual, como son Galiforest, Salimat, a feira de caza e pesca ou a Central Agropecuaria,e o que hoxe se inaugura, Cimag- Gandagro, que é xa un referente no medio rural galego.
A conselleira cualificou esta feira Abanca Cimag-Gandagro como unha “cita imprescindible do sector” e amosou a súa confianza en que consiga en pouco tempo a consideración de certame de carácter internacional. Ademais, destacou que as feiras sectoriais están a rexurdir tras un período de dificultades pola situación económica e a puxanza das novas tecnoloxías e a comunicación dixital.