A guía de estudos de paisaxe urbana aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, símbolo e identidade dos concellos costeiros galegos

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá a Guía de estudos de paisaxe urbana que aposta por crear espazos abertos ao mar e recuperar as fachadas litorais, símbolo e identidade dos concellos costeiros galegos.

Trátase dun novo documento impulsado polo Goberno galego, a través do Instituto de Estudos do Territorio, para conservar e protexer o verde e azul identificativo e característico das paisaxes dos concellos de Galicia, é dicir, promove recuperar os elementos que reforzan a identidade do lugar, así como conservar ou rehabilitar o patrimonio industrial portuario dos municipios de costa, como é o caso de Vigo.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que Galicia se dota dunha nova ferramenta na súa aposta por un urbanismo sustentable, ordenado e respectuoso coa paisaxe galega e que estará dispoñible -a través da web da Consellería- e que se converterá nunha referencia para os equipos redactores e profesionais que interveñen na planificación do territorio e das cidades.