González Formoso destaca que as sete bandeiras azuis converten a Boiro “nun referente turístico” da provincia da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, Martiño, participaron no acto oficial de izado de dúas das sete bandeiras azuis coas que conta este verán o municipio boirense e que o sitúan, xunto con Arteixo, no municipio coruñés con maior número de bandeiras azuis nos seus areais.

Na praia de Carragueiros, xunto aos socorristas contratados polo concello para garantir a seguridade nas praias de Boiro durante a tempada estival, González Formoso destacou que o elevado número de distincións “converte a Boiro, un ano máis, nun referente turístico na provincia da Coruña”, xa que o distintivo recoñece a excelente calidade das augas, a preservación do medio ambiente na contorna e a existencia de servizos e accesibilidade adecuada.