A Xunta lanza a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para elaborar plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación

A Xunta de Galicia lanza hoxe a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación. Con esa medida a Administración autonómica quere fomentar a prevención e a anticipación, tendo en conta que ningún municipio galego conta cun plan deste tipo e que o episodio de seca de 2017 evidenciou a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez Mourelle, e a directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron en rolda de prensa a orde de axudas aos municipios cuxa convocatoria fai pública hoxe o Diario Oficial de Galicia. Concretaron que, a partir de mañá e ata o 24 de xullo, os municipios galegos poderán solicitar unha subvención de ata 15.000 euros para elaborar un plan de emerxencia fronte á seca. A convocatoria de axudas priorizará os concellos de menos de 50.000 habitantes e conta cun orzamento de 250.000 euros que se poderá ampliar en caso de que o volume de solicitudes exceda a partida dispoñible.

more recommended stories