A Xunta denuncia as mentiras vertidas sobre a dragaxe do Lérez e trasládalle ao sector o estado actual da súa tramitación

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, reuniuse hoxe co presidente da Federación Provincial de Confrarías de Pescadores da Coruña, cos patróns maiores de Ribeira e Aguiño e co alcalde en funcións de Ribeira para aclarar as mentiras vertidas nos últimos días en distintos eidos sobre a dragaxe do río Lérez e trasladarlles de primeira man en que punto se atopa a súa tramitación, na que o Executivo galego busca en todo momento non prexudicar a actividade da frota.

A titular de Mar manifestou no encontro que é “absolutamente falso” que se estean a verter lodos procedentes do Lérez na illa de Sálvora, na ría de Arousa. Tamén desmentiu que Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, teña autorizado o envío dos áridos procedentes da dragaxe a ese punto posto que non ten competencias nin autoridade para autorizar o envío dos áridos a este ou outro emprazamento. Neste sentido, incidiu en que o proxecto está nunha fase moi inicial e que a dragaxe nin sequera comezou.
Por iso, a conselleira do Mar quixo lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos profesionais da pesca e do marisqueo.