A Deputación destina 167.497 euros para apoiar ás entidades que traballan na conservación do medio ambiente

A Deputación da Coruña publica hoxe no BOP a concesión provisional das axudas para apoiar ás entidades sen ánimo de lucro da provincia que traballan no ámbito da conservación e protección do medio ambiente.

Trátase de dúas liñas, que suman un investimento total de 167.497,10 euros, destinadas ao financiamento de investimentos e actividades no ámbito do medio ambiente durante o ano 2019.

Programas de voluntariado ambiental, iniciativas de difusión e sensibilización, accións de posta en valor dos recursos naturais ou de conservación do medio ambiente son algunhas das actividades que apoia esta convocatoria, segundo explicou o presidente en funcións da institución provincial, Valentín González Formoso, que destacou “o papel fundamental que desenvolven as asociacións ecoloxistas e de protección da natureza na preservación do medio natural”.

Un total de 8 entidades (tres delas condicionadas) recibirán axudas por importe de 68.698,72 para a realización de investimentos coma a creación dunha Escola de Natureza (Asociación Neboa), equipamento para o voluntariado medioambiental das brigadadas deseucaliptizadoras (Asociación Verdegaia), adquisición de material informático para actividades de divulgación ambiental (Sociedade Galega de Historia Natural) ou material para un programa de conservación dos morcegos (Asociación Drosera).

Na liña de actividades, 15 entidades medioambientais coruñesas recibirán un total de 99.798,38 euros para accións coma os obradoiro científico-ambientais para alumnos de primaria “Explorando o Tambre” (Asociación Adiantum), ou, un plan de conservación das píllaras nas dunas das praias do Barbanza (Sociedad Española de Ornitología) , entre outras.

more recommended stories