A Xunta pide que non se alarme de xeito inxustificado ao sector pesqueiro e marisqueiro sobre o proxecto de dragaxe do Lérez

A Consellería do Mar mantén o seu compromiso de avanzar na dragaxe da ría de Pontevedra e está a facer as xestións precisas para atopar a mellor solución posible sen prexudicar ao sector pesqueiro e marisqueiro da zona.

Por iso, o Executivo galego quere lanzar unha mensaxe de tranquilidade ao sector e pedir a máxima responsabilidade a todas as partes implicadas para que non se alarme de xeito inxustificado sobre esta actuación. Lembran así que se trata dun proxecto que está nunha fase moi preliminar, sen ningunha decisión en firme e á espera dos informes encargados para o seu deseño. O obxectivo é contar con todas as garantías de que as actuacións que finalmente se realicen son as máis idóneas para todas as partes.