O novo Plan Galego de Atención Primaria está dotado dun orzamento de máis de 102 millóns de euros para tres anos e inclúe 200 accións

O Consello da Xunta aprobou esta mañá o Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, presentado polo conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e que está dotado dun orzamento total para ese período de 102.421.903 euros.

O documento recolle un total de 200 accións a desenvolver a curto, medio e longo prazo, definidas en 7 liñas estratéxicas e 52 obxectivos concretos para reformular a atención primaria. Do total do orzamento co que está dotado este plan, preto de 17,2 millóns destínanse ao incremento de prazas en atención primaria, a formalizar contratos de continuidade e á formación de especialistas. Outros 79,5 millóns de euros destínanse á renovación e/ou dotación de equipamento e mobiliario, obras e reformas nos centros de saúde e PAC e a implementación das TIC; e 5,6 de incremento na adquisición de vacinas fronte á gripe e fronte ao virus do papiloma humano. A dotación dos recursos humanos para a atención primaria é a primeira das liñas estratéxicas adaptando o número de prazas ás características epidemiolóxicas e demográficas.

more recommended stories