A Xunta avoga en Ribeira por manter o actual crecemento sustentable e ordenado do sector da construción

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou esta mañá no I Foro Clave Construtiva, celebrado no Centro Empresarial da Construción do Barbanza, en Ribeira, onde incidiu na importancia de que este sector manteña a senda actual de crecemento sustentable e ordenado.

Así, fixo fincapé na importancia de contar cunha Administración facilitadora que non poña trabas ao desenvolvemento empresarial e citou a Lei de implantación empresarial. Ademais, insistiu na relevancia de contar con traballadores cualificados polo que é preciso ofrecer unha formación adaptada ás necesidades reais. Por outra banda, convidou ao sector a traballar coa Administración para mellorar en aspectos como a seguridade e a prevención e tamén se referiu á aposta que se está a facer tanto en materia de rehabilitación como de eficiencia enerxética para construír edificacións máis eficientes.